O último suspiro de liberdade



O estado de alarma decretouse o sábado 14 de marzo ás 8 da noite. Dende aquel anuncio, calquera simple imaxe ao aire libre que se nos pasa pola cabeza semella un paraíso. Neses dous días anteriores á proclamación da corentena xa asomaron as primeiras restricións, como a suspensión das clases en todos os niveis educativos, mais naquel entón ninguén pensaba pasar máis dun mes confinado. Agora vemos aqueles días con perspectiva e parámonos a pensar se en realidade aproveitamos o tempo que temos, se apreciamos os privilexios cos que contamos sen sequera darnos de conta. Hai quen pode estar orgulloso dos seus últimos suspiros de liberdade, e hai quen desexaría ter saído da casa aquel último xoves, venres ou sábado.

O xoves espertei coa noticia de que ir á facultade xa non estaba recomendado polas autoridades galegas, o cal era de esperar, vistas as suspensións das clases noutras comunidades. Ademais, tiña un partido de fútbol ás 3 da tarde, unha entrada para ver unha obra de teatro ás 8, unha cea multitudinaria ás 10 e unha entrada para unha discoteca ás 2 da mañá. Todo cancelado. O que ía ser un día completo, cheo de entretemento e diversión, converteuse nun día baleiro xa dende as 9 da mañá.

Non sabía o que nos viña enriba, nin moito menos pensei “hoxe vou comer o mundo, que nolo quitan das mans”, senón que simplemente saín da cama co propósito de sacar o maior partido dun día de sol en Compostela, xa que escasean. Pasei todo o día facendo exercicio, xogando ao tenis de mesa e ao baloncesto durante toda a tarde na boa compaña de dous compañeiros de clase. Esgotamos ata o último raio de sol nunha terraza da zona vella, tomando un pincho de tortilla e un refresco. Logo pensamos en montar a nosa propia festa no piso dun deles, dado ó peche dos pubs e as discotecas, pero por non beber un xoves universitario entre tantos que hai, tampouco pasaba nada.

O venres seguiamos sen clase, polo que decidín recorrer todas as rúas do centro da cidade que puiden durante a mañá. Algo estaba a ocorrer, moitos comercios estaban pechados e eu sentíame o único camiñante que estaba a desfrutar dun paseo tranquilo, sen a présa que levaban os demais transeúntes. Cheguei incluso a sentir que estaba facendo algo incorrecto polo simple feito de estar sentado nun banco na praza de Galicia; dende alí só se vían centos de maletas escapando para a casa en coche ou autobús. “Debería unirme a eles?” A verdade é que eu faría o mesmo despois de comer, así que os remorsos non se agravaron demasiado. Logo decidín pedir unha pizza para levar no meu restaurante favorito, pois sentía que non ía regresar á capital nun tempo e despedinme da cidade con ese acertado capricho.

Cheguei a Pontedeume, á miña casa, preto das 5, e vinte minutos despois collín o coche para ir adestrar ao tenis. Non tiña programado ir xogar a esa hora, pero optei por aproveitar a tarde lonxe da casa, coma se algo dentro de min soubera o que estaba por vir. Se por min fora, tería ceado tamén fóra da casa cos amigos, mais a orde do goberno de pechar bares e restaurantes chafoume o plan. Ceei na casa, e non marchei para a cama sen antes contactar cun amigo para ir dar unha volta en bicicleta pola mañá.

O sol encheu os montes eumeses xa dende cedo, e non houbo mellor maneira de sacarlle partido que facendo uns quilómetros enriba da bici cun bo amigo. Pola tarde, antes do anuncio oficial, o decreto do estado de alarma xa estaba en boca dos principais medios de comunicación, polo que tiven que pasar a tarde na casa, obrigado pola opinión popular e o sentido común.

Ás 8 da noite comezou unha película que todos comezamos a protagonizar sen sequera querelo, unha película que deixaría a Lawrence de Arabia en ridículo pola súa corta duración.

Levamos neste “arresto domiciliario” moito tempo; levamos tanto tempo, que cando o presidente do goberno anunciou o estado de alarma eran as oito da noite e hoxe son as nove e o sol aínda aguanta no ceo. Quizais “perdemos” moitos días da nosa vida, o que non implica que menosprecemos o feito de estar sans e, en fin, seguir vivos. De feito, agora valoramos cada anaco de ocio ou liberdade que gozamos antes do confinamento; é a corentena a que nos axuda a descubrir se a nosa vida, todo aquilo que decidimos facer dende que espertamos ata que volvemos á cama, paga a pena.

“Eramos felices e non o sabiamos” é unha das afirmacións que máis xorden na opinión pública. Ademais, moitos fanse estes días a pregunta: “se me chegan dicir, dous días antes do comezo da corentena, que ía pasar case dous meses encerrado na casa, que faría?”. Á maioría se lle ocorrerán milleiros de ideas, moitas relacionadas co lecer, o agarimo dos seus seres queridos, o deporte, ou calquera actividade lonxe das fronteiras das súas casas.

Eu non podo negar que se me ocorran un milleiro de cousas tamén, mais a verdade e que non cambiaría nada do meu último suspiro de liberdade. Quizais foi sorte, ou casualidade, pero non podo deixar de estar satisfeito de que eses días reflexan que estou a vivir a vida que eu quero, desfrutando e aproveitando cada minuto que o día (e a noite) ofrece. Todo o que decidín facer esas últimas 48 horas foron actos inconscientes; inconscientes do que ía ocorrer pouco despois, que se converten agora en decisións conscientes; conscientes de que “era feliz, e o sabía”. Por iso, nestes días de calma e sedentarismo, a situación que nos toca vivir pode cambiar vidas ou, polo contrario, reafirmar que esta corentena será só unha escala no medio dunha viaxe chea de ledicia.

Ao confinamento hai que mirarlle tamén esa parte positiva, e é que temos a oportunidade de reflexionar sobre con que pouco (ou moito) somos felices. Estando as tendas de roupa e todos os comercios que non son de primeira necesidade pechados, descubrimos se estamos envoltos no consumismo que caracteriza, máis do que debería, a nosa sociedade. É nestes tempos nos que podemos dar un xiro de 180 grados á nosa vida e comezar a darlle valor a cada café matutino ou a unha simple aperta ao noso avó.

En definitiva, esta situación estanos a axudar a descubrir o que de verdade importa, e así o amosa a sociedade cada día, ás 8 da tarde, agradecendo o seu traballo a todo aquel e aquela que está a xogar a vida polos seus millóns de compañeiros, agora baixo arresto domiciliario.

Comentarios

  1. EEEi, Iago do pasado!! Fálache o Iago do futuro (versión mellorada e non deturpada). Bon intento facendo un texto en galego para ter os miolos tranquilos, facéndote crer a ti mesmo que fas algo pola lingua. Serás pailaroco!! Mira... escapáronseche dous pronomes: "á maioría se lle ocorrerán" e "era feliz, e o sabía". Tampouco se di "recorrer", senón "percorrer". Vaia futuro te espera, amigho!!!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Depor [0-0] Sporting // No insuficiente, pero tampoco suficiente

Dicionario: galego diferencialista - galego estándar actual